- Editorial:
- FAKTORIA K DE LIBROS
- Ano de edición:
- 2026
- ISBN:
- 978-84-19213-63-1
- Páxinas:
- 168
- Encadernación:
- Rústica
- Colección:
- Ágora K
MANEIRAS DE OLLAR
BERGER, JOHN
Un clásico revolucionario, necesario nesta realidade de saturación visual que reivindica que ollar con atención é o acto político máis urxente do noso tempo.
Vivimos inundados polas imaxes, pero quen nos ensinou a miralas? Cada día consumimos miles de estímulos visuais: desde a publicidade que asolaga as nosas pantallas ata as obras mestras da arte que enchen os museos. Mais, que nos din en realidade? Neste ensaio breve e abraiante, John Berger desposúe a historia da arte da súa linguaxe elitista e desmonta os mecanismos ocultos da nosa cultura visual. Coa clara intención de devolver a capacidade de mirar ás persoas, percorre cinco séculos de pintura europea para preguntarse e preguntarnos: quen mira?, quen é mirado?, quen posúe as imaxes e como actúan estas co noso desexo?
Da Venus de Urbino de Tiziano ás imaxes publicitarias, do museo ao escaparate, os sete capítulos de Maneiras de ollar revelan que aprender a mirar doutro xeito é o primeiro paso para vivir doutra forma. A obra chega a conectar o Renacemento co consumismo moderno para demostrarnos unha verdade incómoda: ningunha imaxe é inocente, todas agochan unha relación de poder.
Publicado orixinalmente en 1972 a partir da soada serie británica da BBC, este ensaio, agora editado por primeira vez en galego no ano no que se celebra o centenario do nacemento do seu autor, transformou para sempre a forma en que pensamos a arte e a mirada. Medio século despois, nunha época saturada de estímulos visuais, as súas preguntas resultan máis necesarias ca nunca.