
- Colección:
- < Xenérica >
ORQUESTRA DE JAZZ DE GALICIA. FAME
Con "Fame" debuta a Orquestra de Jazz de Galicia no mercado discográfico. "Fame" de música e "fame" de mostrar ao mundo a música que se fai en Galicia. "Trátase dunha 'fame' en positivo, fame por presentar ao mundo outra forma deentender a música".
Dirixida por Pedro Lamas e Roberto Somoza, a Orquestra de Jazz de Galicia, formada por unha trintena de músicos, é un proxecto de máxima excelencia, único e novo, que proxecta a música tradicional galega en influencia con outros estilos, como o jazz, o folk, a música clásica e a contemporánea.
"Fame" foi gravado os pasados 17 e 18 de xaneiro no Auditorio de Galicia. "O disco está composto por dez arranxos de temas populares galegos que chegaron a nós pola tradición oral e que reflicten a riqueza da nosa música". Entre estes temas atópase "Toque de chifre de Faramontaos", que en 1952 rexistrou o musicólogo estadounidense Alan Lomax nunha aldea de Ourense e que anos máis tarde sería reinterpretado por Miles Davis e Gil Evans co título "The pan piper" e recollido no mundialmente coñecido "Sketches of Spain" (1960), na que foi a primeira aproximación do jazz ao repertorio da música tradicional galega.
En canto á creación da Orquestra de Jazz de Galicia, naceu fai catro anos para encher un oco no panorama musical e dar cabida a músicos procedentes de diferentes procedencias, como o jazz, a música tradicional e o folk. A Orquestra de Jazz de Galicia creouse co propósito de facer outro tipo de música partindo da tradicional galega".